É ECONOMÍA SOCIAL

O Rexistro de Sociedades Cooperativas é un órgano da Administración Xeral do Estado, dependente do Ministerio de Traballo e Economía Social, rexido pola Lei 27/1999, do 16 de xullo, (BOE de 17), de Cooperativas e o Real Decreto 136/2002, do 1 de febreiro, (BOE de 15), polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Sociedades Cooperativas.

É un rexistro xurídico que garante a publicidade e a legalidade da constitución das sociedades cooperativas e dos demais actos principais da vida societaria.

O seu ámbito de actuación esténdese ás sociedades cooperativas que realicen principalmente a súa actividade cooperativizada no territorio de varias Comunidades Autónomas, cando non o faga con carácter principal en ningún dos territorios, así como nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Así mesmo, inscríbense neste Rexistro os actos das Cooperativas de Crédito cuxa actividade, sexa ou non cooperativizada, exceda do territorio dunha Comunidade Autónoma, conforme á súa lexislación específica.

O Rexistro de Sociedades Cooperativas ten por obxecto a cualificación e inscrición das sociedades cooperativas e das asociacións de cooperativas, así como dos actos e negocios xurídicos que se determinen na citada Lei de Cooperativas e no devandito Regulamento. Desenvolve tamén as funcións de legalización dos libros das sociedades cooperativas, o depósito e publicidade das súas contas anuais, e a anotación das sancións moi graves por infracción á lexislación cooperativa, así como a expedición de certificacións e tódalas funcións que lle atribúa o Regulamento.

Segundo o artigo 9 do Regulamento, é preceptiva a inscrición rexistral dos seguintes actos relativos a sociedades cooperativas de primeiro ou de segundo grao:

  1. A constitución da sociedade.
  2. A modificación dos Estatutos da sociedade.
  3. O outorgamento, modificación ou revogación dos poderes xerais de xestión, administración e dirección outorgados polo Consello Reitor.
  4. O nomeamento e cesamento dos membros do Consello Reitor, interventores, interventores xudiciais, liquidadores e, no seu caso, administrador único e Comité de Recursos, así como os conselleiros delegados cando se lles confiran facultades propias dos devanditos órganos.
  5. Nas Cooperativas de Crédito, o nomeamento e cesamento dos membros do Consello Reitor e Director xeral e, no seu caso, os membros das Comisións Executivas, Comisións Mixtas e Conselleiros Delegados e, así mesmo, a creación ou supresión das súas sucursais.
  6. Os acordos de fusión de sociedades cooperativas.
  7. Os acordos de escisión.
  8. Os acordos de transformación.
  9. A disolución de sociedades cooperativas.
  10. A extinción da sociedade.
  11. Os acordos de reactivación de cooperativas.
  12. Os actos xudiciais en materia concursal, consonte a súa propia lexislación.
  13. O acordo de integración nun grupo cooperativo e a acta notarial da súa formalización.
  14. A descualificación firme da cooperativa.
  15. Calquera outros segundo a lexislación aplicable

Os actos suxeitos a inscrición son obrigatorios, e só teñen efectos respecto a terceiros desde a súa inscrición.  Así mesmo, son obrigatorios os prazos establecidos pola Lei de Cooperativas e polo Regulamento para solicitar do Rexistro a correspondente inscrición de actos societarios.  A sociedade cooperativa é responsable do cumprimento das súas obrigacións rexistrais, sen prexuízo das responsabilidades que no seu ámbito interno resulten esixibles con carácter persoal.

O Rexistro de Sociedades Cooperativas é público, e réxese polos principios de lexitimación, prioridade e tracto sucesivo. A publicidade farase efectiva mediante certificacións ou notas simples dos asentos rexistrais.  A certificación será o único medio de acreditar fidedignamente o contido dos actos rexistrados no Rexistro e expedirase a instancia de quen demostre ter interese no acto obxecto de rexistro conforme á Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O principio de publicidade poderá cumprimentarse mediante a expedición de nota simple dos asentos rexistrais, ou mediante a exhibición destes, cando así se solicite ou cando non concorra a condición de interesado anteriormente aludida.