É ECONOMÍA SOCIAL

As mulleres teñen un gran peso na economía social española. Porén, os postos de dirección e de órganos da administración seguen sen reflectir unha paridade axeitada entre homes e mulleres.

En 2023, a OCDE realizou o Informe Beyond pink-collar jobs for women and the social economy [«Unha visión máis alá dos empregos tradicionais das mulleres e a economía social»], sobre a participación das mulleres nas empresas e entidades da economía social.  Este informe centra a súa atención en que, se ben a participación das mulleres é maior nas entidades da economía social, aínda queda moito que facer para acadar unha maior participación nos postos de responsabilidade das diferentes entidades.

Todo isto fixo que desde o Ministerio de Traballo e Economía Social, a través do Comisionado Especial para a Economía Social, se impulsase e promovese a creación dun grupo de mulleres líderes da Economía Social.

A creación deste grupo de traballo ten como obxecto dar a coñecer o papel tan importante que teñen as mulleres nos niveis máis altos da economía social, dirixindo empresas e entidades de Economía Social, así como salientar a necesidade de seguir avanzando cara a igualdade efectiva no universo empresarial da economía social.

A seguinte cita desta iniciativa celebrarase en Murcia a finais de marzo de 2025 nun acto no que se reunirán máis de cen mulleres españolas que teñen posicións de liderado na economía social.

O grupo Mulleres Líderes traballa na elaboración dunha folla de ruta coas liñas de actuación que se deben abordar nos próximos anos, para traballar a prol dos seguintes catro eixes de traballo:

  • Eixe de formación e emprendemento.
  • Eixe de visibilización e referentes.
  • Eixe de estatísticas e investigación.
  • Eixe de ferramentas e redes para a acción.

A primeira reunión do grupo de Mulleres Líderes da Economía Social tivo lugar o 27 de marzo de 2023 e case dous meses despois, o 2 de xuño de 2023, realizouse a presentación pública do mesmo. Nestes actos contouse coa participación e presenza da Vicepresidente Segunda e Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.

Dando continuidade ós obxectivos do grupo de traballo de Mulleres LíderES, o pasado 14 de novembro de 2023 tivo lugar na Sala de Cámara do Palacio de Congresos Kursaal de Donostia/San Sebastián un evento paralelo do Congreso Europeo de Economía Social, baixo o nome de «Conversación entre mulleres líderes da economía social: retos e desafíos para unha economía social catalizadora da igualdade nun mundo global».

Nesta xuntanza non só estiveron e participaron no debate mulleres pertencentes a este Grupo de Traballo, senón que tamén participaron outras mulleres líderes en diferentes contextos internacionais:

  • Por parte de o Grupo de Traballo de Mulleres Líderes da Economía Social participaron, como moderadora, Carmen Marcuello (Presidenta de OIBESCOOP, Vicepresidenta de CIRIEC-España e Catedrática da Universidade de Zaragoza), e como relatoras do panel: Ana Olveira (Presidenta de Espazo Coop- Unión de Cooperativas Galegas), Leire Mugerza (Vicepresidenta de CEPES e Presidenta do Congreso Mondragón) e Jone Nolte (Presidenta de LABORPAR e Directora de ASLE).
  • Por parte de mulleres líderes no ámbito internacional, interviron Sandra Moreno (Secretaria executiva de RIPESS Rede Intercontinental de Promoción da Economía Social Solidaria), Simel Esim (Xefa de Programa no Departamento de Empresas da OIT) e Barbara Sak (Directora da CIRIEC-Internacional).
  • Finalmente, por parte do Ministerio de Traballo e Economía Social, efectuaron as conclusións desta xuntanza Ana Bermúdez Odriozola (Subdirectora Xeral da Oficina Técnica do Comisionado Especial) e Araceli Bayón Gayo (Subdirectora Xeral da Delegación Especial para a Economía Social).

Neste evento, abordáronse diversos temas, dende os retos máis destacábeis ós que se enfronta a economía social e solidaria mais a través dunha perspectiva de xénero, até as achegas máis significativas da economía social en materia de equidade de xénero, así como as oportunidades de colaboración e as alianzas a nivel internacional, que se deberían explorar para seguir avanzando na inclusión de xénero na economía social.

Alén disto, tamén se salientaron as seguintes cuestións:

  • Mellorar a participación activa e a representación das mulleres nos postos de liderado da Economía Social;
  • Ofrecer novos modelos de organización social;
  • Mellorar a conciliación persoal e familiar, e fomentar a responsabilidade compartida;
  • Optimizar a calidade no emprego e reducir as desigualdades salariais e de liderado entre homes e mulleres;
  • Fomentar a igualdade de oportunidades, especialmente no mundo rural;
  • Apoiar o apoderamento das mulleres que forman parte das entidades da economía social.