É ECONOMÍA SOCIAL

A Economía Social configúrase como unha materia cun auxe paulatino. Isto fixo que fose preciso abordar un despregamento normativo cada vez máis exhaustivo.

A primeira Lei de Cooperativas redáctase no ano 1931, se ben, hoxe en día a lexislación nesta materia abrangue tanto as Sociedades Cooperativas, como as Sociedades Laborais, Asociacións, Fundacións, Centros Especiais de Emprego, Empresas de Inserción, e outras fórmulas de economía social, que consolidaron a  España como un ecosistema favorable ó fortalecemento lexislativo en materia de economía social.

Que é a economía social?

A economía social é o conxunto de actividades económicas e empresariais que levan a cabo aquelas entidades que perseguen o interese colectivo dos seus integrantes ou ben o interese xeral económico, social ou ambos.

Onde está regulada?

Lei 5/2011, de 29 de marzo, de Economía Social, aprobouse no ano 2011 para establecer un marco xurídico que complemente á normativa xa vixente das entidades que conforman o sector, e ó mesmo tempo, supoña o recoñecemento e mellor visibilidade da economía social, outorgándolle así unha maior seguridade xurídica e establecendo os principios que deben contemplar as distintas entidades que a forman.

A Lei consta de 13 artigos, 7 disposicións adicionais, 2 disposicións transitorias e 4 disposicións finais. Neles establécese o marco xurídico necesario para o desenvolvemento desta novo paradigma económico.

Quen son as sociedades cooperativas?

A cooperativa é unha sociedade constituída por persoas que se asocian, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, para realizar actividades empresariais, encamiñadas a satisfacer as súas necesidades e aspiracións económicas e sociais, cunha estrutura e funcionamento democrático, consonte ós principios formulados pola alianza cooperativa internacional, en termos resultantes da lei de cooperativas.

Onde se regulan?

Actualmente, as sociedades cooperativas se atopan reguladas na Lei 27/1999, de 16 de xuño, de Cooperativas. Esta lei de ten un total de 120 artigos, 13 disposicións adicionais, 4 disposicións transitorias, 3 disposicións derrogatorias e 6 disposicións finais.

Cal é o obxectivo da lei?

Era esencial unha Lei de Cooperativas que, reforzando os principios básicos do espírito do cooperativismo, fose un instrumento xurídico útil para facer fronte ós grandes desafíos económicos e empresariais que representa a entrada na Unión Monetaria Europea. Esta nova Lei ten en consideración a achega que supuxo a Lei Xeral de Cooperativas 3/1987, de 2 de abril, que se adaptou ás esixencias do Estado das Autonomías, ó réxime xurídico das sociedades cooperativas e das posibilidades de asociación destas.

Neste lei regúlase o concepto de Sociedade Cooperativa, os principios que rexen a súa actuación e funcionamento, os requisitos para constituíla, os requisitos dos seus socios, os órganos sociais, o seu réxime económico, a documentación social e contable, así como a súa disolución e liquidación. A lei tamén regula os tipos de sociedades cooperativas segundo a súa composición (primeiro e segundo grao), e as clases de cooperativa segundo o seu obxecto (de traballo asociado, ensinanza, sanitarias, consumidores e usuarios etc.)

A Lei ofrece un marco de flexibilidade, onde as propias cooperativas poidan entrar a autorregularse, e establece os principios que, con carácter xeral, deben ser aplicados na súa actuación.

Un obxectivo prioritario é reforzar a consolidación empresarial da cooperativa, para o que foi preciso flexibilizar o seu réxime económico e societario e acoller novidades en materia de financiamento empresarial.

Cales son?

As Sociedades Cooperativas fiscalmente protexidas clasificaranse nos seguintes grupos:

  1. Cooperativas protexidas: son, ós efectos desta Lei, aquelas Entidades que se axusten ós principios e disposicións da Lei Xeral de Cooperativas ou das Leis de Cooperativas das Comunidades Autónomas que teñan competencia nesta materia, agás nos casos que se prevexa a normativa.
  2. Cooperativas especialmente protexidas: Consideraranse especialmente protexidas e poderán desfrutar, cos requisitos sinalados na Lei 20/1990, dos beneficios tributarios establecidos, as cooperativas protexidas de primeiro grao das clases seguintes:
    • Cooperativas de Traballo Asociado.
    • Cooperativas Agrarias.
    • Cooperativas de Explotación Comunitaria da Terra.
    • Cooperativas do Mar.
    • Cooperativas de Consumidores e Usuarios.

Respecto ás Cooperativas de Segundo Grao, estarase ó establecido na lei.

Onde se regula?

O réxime fiscal das Cooperativas queda regulado na Lei 20/1990, de 19 de decembro, sobre Réxime Fiscal das Cooperativas.

Cal é o obxectivo da lei?

Ten por obxecto regular o réxime fiscal das Sociedades Cooperativas segundo a súa función social, actividades e características, sen prexuízo dos réximes tributarios forais vixentes dos Territorios Históricos do País Vasco e Navarra.

O Regulamento do Rexistro de Sociedades Cooperativas desenvólvese en virtude da disposición final primeira da Lei 27/1999, de Cooperativas, se ben, o carácter constitutivo da inscrición rexistral conságrase no artigo 7 da mencionada norma. Este Regulamento, polo tanto, regula a materia rexistral relativa ás sociedades cooperativas. Isto garante unha fórmula de seguridade xurídica na materia ó mesmo tempo que avala a publicidade e a legalidade da constitución das sociedades cooperativas.

O Regulamento concreta as previsións contidas na Lei 27/1999, de Cooperativas, e regula a súa organización e funcionamento.

O Regulamento consta de catro capítulos, 44 artigos e unha disposición transitoria única.

Real Decreto 136/2002, de 1 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Sociedades Cooperativas.

Que son as cooperativas de crédito?

As cooperativas de crédito son aquelas que teñen como finalidade tratar de satisfacer as necesidades de crédito e aforro dos socios que a integran. Cumpren as mesmas funcións que un banco, estando vinculados a unha función social ou unha localidade, ofrecendo préstamos cuxo destino sexa o interese rural, tendo por tanto unha maior presenza en zonas rurais.

Onde quedan reguladas?

As cooperativas de crédito quedan reguladas de forma específica na  Lei 13/1989, de 26 de maio, de Cooperativas de Crédito, que da cumprimento ó artigo 129.2 da Constitución no relativo ó fomento das sociedades cooperativas.

Malia que a lexislación estatal en materia de cooperativas ten carácter supletorio respecto das Comunidades Autónomas, as cales teñen competencias lexislativas plenas en materia de cooperativas, esta regra xeral resulta matizada no caso das cooperativas de crédito. En virtude do Real Decreto Lexislativo 1298/1986, de 28 de xuño, polo que se adaptan as normas legais en materia de establecementos de crédito ó Ordenamento Xurídico da Comunidade Económica Europea, concédese ás cooperativas de crédito inscritas no Rexistro especial do Banco de España, o carácter de entidades de crédito. Isto é o que se contempla no artigo 149.1 da Constitución no seu apartado decimo primeiro, que establece como competencia exclusiva do Estado fixar as bases da Ordenación do Crédito e Banca.

En consecuencia, esta lei establece as bases do réxime xurídico das devanditas institucións e conta con 12 artigos, unha disposición adicional, dúas transitorias, dúas finais e unha derrogatoria. Nela establécense, entre outros, os principios xerais, o réxime xurídico, a súa forma de constitución e funcionamento, os requisitos que deben cumprir os socios destas entidades, así como o réxime disciplinario.

Que son?

As sociedades laborais son aquelas anónimas ou de responsabilidade limitada que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que a maioría do capital social sexa propiedade dos traballadores que presten servizos en virtude dunha relación laboral de carácter indefinido.
  • Que ningún dos socios sexa titular de accións ou participacións sociais que representen máis da terceira parte do capital social, salvo nos casos establecidos na lei.
  • Que o número de horas ó ano traballadas polo cadro de persoal contratado por tempo indefinido que non sexan socios non supere o 49 % do total de horas ó ano traballadas polo conxunto dos socios traballadores.

Onde están reguladas?

A regulación deste tipo de sociedades atópase na Lei 44/2015, de 14 de outubro, de Sociedades Laborais e Participadas.  Esta lei conta cun total de 20 artigos, 6 disposicións adicionais, 2 disposicións transitorias, 1 disposición derrogatoria e 6 disposicións finais.

Cal é o obxectivo da lei?

As sociedades laborais son sociedades de capital pola súa forma e, por tanto, son aplicables as normas relativas ás sociedades anónimas e limitadas. Dende a aprobación da Lei de sociedades laborais de 1997, producíronse numerosas reformas lexislativas que afectaron a este sector. Esta situación pon en relevo a necesaria adecuación da devandita lei ó novo marco normativo e unha sistematización das súas normas máis acorde coa establecida na Lei de Sociedades de Capital.

Esta nova regulación actualiza e moderniza o contido da anterior, mellorando o seu réxime xurídico co obxectivo de fomentar a participación dos traballadores nas empresas, facilitando o seu acceso á condición de socio e participando na toma de decisións.

Pretende fortalecer a súa vertente empresarial e consolidar o carácter estable e non conxuntural deste modelo empresarial. Prepara o seu contido ós cambios que se producirán verbo do documento único electrónico e reestrutura o articulado, eliminando preceptos superfluos e incorporando outros que si son precisos.

Que son?

A lei 4/1997, de 24 de marzo, de Sociedades Laborais sinalaba que corresponde ó anterior Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (actual Ministerio de Traballo e Economía Social) o outorgamento da cualificación de «sociedade laboral», así como o control do cumprimento dos requisitos establecidos na devandita lei. É por iso polo que se crea no mencionado Ministerio un Rexistro de Sociedades Laborais, no que se debe facer constar os actos que se determinan na devandita lei e nas súas normas de desenvolvemento.

Onde se regula?

Este rexistro administrativo atopa a súa regulación no Real Decreto 2114/1998, de 2 de outubro sobre Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais.

Cal é o obxectivo da lei?

A lei ten como obxectivo a creación dunha normativa que regule a competencia do rexistro, a cualificación das sociedades, así como os actos realizados por elas que deben de ser obxecto de rexistro. Así mesmo, establece as obrigas de comunicación das sociedades, a súa descualificación e a súa impugnación de acordos.

Que son?

Considérase discapacidade para os efectos desta lei a situación que resulta da interacción entre as persoas con deficiencias previsiblemente permanentes e calquera tipo de barreiras que limiten ou impidan a súa participación plena e efectiva na sociedade, en igualdade de condicións coas demais.

Doutra banda, a inclusión social é o principio en virtude do cal a sociedade promove valores compartidos orientados ó ben común e á cohesión social, permitindo que todas as persoas con discapacidade teñan as oportunidades e recursos necesarios para participar plenamente na vida política, económica, social, educativa, laboral e cultural, e para gozar dunhas condicións de vida en igualdade cos demais.

Onde se regula?

Atopa a súa regulación no Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

Cal é o obxectivo da lei?

Ten como obxectivos principais:

  • Garantir o dereito á igualdade de oportunidades e de trato, así como o exercicio real e efectivo de dereitos por parte das persoas con discapacidade en igualdade de condicións respecto do resto de cidadáns, a través da promoción da autonomía persoal, da accesibilidade universal, de acceso ó emprego, da inclusión na comunidade e a vida independente e da erradicación de toda forma de discriminación.
  • Establecer o réxime de infraccións e sancións que garanten as condicións básicas en materia de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade.

Que son as empresas de inserción?

As empresas de inserción son sociedades mercantís, laborais ou cooperativas, que debidamente cualificadas, realicen calquera actividade económica de bens e prestacións de servizos, tendo como fin primordial do seu obxecto social a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social.

Onde quedan reguladas?

As empresas de inserción quedan reguladas na Lei 44/2007, de 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción . A Lei de empresas de inserción entrou en vigor en 2008 e estrutúrase en 6 capítulos, 18 artigos, 5 disposicións adicionais, 3 disposicións transitorias, 1 disposición derrogatoria e 6 disposicións finais. Nela atópanse: o obxecto e fins das empresas de inserción, os requisitos que deben cumprir, as actuacións das Administracións Públicas, as relacións laborais dos traballadores nas empresas de inserción, as medidas de promoción, así como as infraccións e sancións.

Cales son os seus principios inspiradores? A quen vai dirixido?

A Lei de empresas de inserción atopa o seu principio inspirador no apartado 2 do artigo 9 da Constitución Española, motivando ó lexislador para que estableza vías adecuadas que faciliten a participación na vida política, económica, cultural e social das persoas que se atopan en situacións de dificultade e exclusión social.

As persoas en situación de exclusión social encontran dificultades  no acceso ó mercado de traballo. Isto, unido ás transformacións económicas e dixitais, fai que sexa preciso que os poderes públicos promovan medidas e políticas públicas para loitar contra a exclusión social e fomentar a súa empregabilidade. Amais, no ámbito comunitario é importante salientar que un dos tres obxectivos globais da Estratexia Europea do Emprego era consolidar a inclusión social, previr a exclusión do mercado laboral e apoiar a integración no emprego das persoas máis desfavorecidas.

Todo isto propicia o desenvolvemento da Lei de empresas de inserción, entendida como un novo modelo de actuación na loita contra a exclusión social. Estas empresas configúranse como un instrumento para a inserción sociolaboral das persoas en risco de exclusión social a través dunha prestación laboral na empresa de inserción que permita a transición da persoa cara o emprego ordinario.

Que son os centros especiais de emprego?

Os Centros Especiais de Emprego son empresas que teñen o obxectivo de realizar unha actividade produtiva de bens ou de servizos, participando regularmente nas operacións do mercado, e teñen como finalidade proporcionar ós traballadores con discapacidade un traballo produtivo e remunerado, adecuado ás súas características persoais ó mesmo tempo que facilita a inclusión destas persoas no réxime de emprego ordinario.

Onde quedan regulados?

Os Centros Especiais de Emprego quedan regulados no Real Decreto 2273/1985, de 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento dos Centros Especiais de Emprego definido no artigo 42 da Lei 13/1982, de 7 de abril, de Integración Social do Discapacitado.  Este Real Decreto ten como principio inspirador a integración das persoas con discapacidade na sociedade en xeral e no mundo do traballador en particular.  Nel regúlanse as características destes Centros, a súa estrutura, carácter, obxectivos, esixencias e financiamento, establecendo un código de actuación entre eles e a Administracións Públicas. Todo isto ten por obxectivo facilitar e potenciar a creación de todos os centros que sexan necesarios para atender e facilitar a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

Este Real Decreto consta de 8 capítulos, 13 artigos, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e unha disposición final.

Lei de fomento do ecosistema das empresas emerxentes

Que son?

Esta lei aplícase ás empresas emerxentes, entendendo por empresa emerxente, ós efectos desta lei, toda persoa xurídica que reúna simultaneamente as seguintes condicións:

  1. Ser de nova creación ou, se non for o caso, cando non transcorrese máis de 5 anos dende a data de inscrición no Rexistro Mercantil, ou Rexistro de Cooperativas competente, da escritura pública de constitución, con carácter xeral (agás nos casos establecidos).
  2. Non ter xurdido dunha operación de fusión, escisión ou transformación de empresas que non teñan consideración de empresas emerxentes.
  3. Non distribuír nin ter distribuído dividendos, ou retornos no caso de cooperativas.
  4. Non cotizar nun mercado regulado.
  5. Ter a súa sede social, domicilio social ou establecemento permanente en España.
  6. Ter o 60% do cadro de persoal cun contrato laboral en España. Nas cooperativas computaranse dentro do cadro de persoal ós socios traballadores e ós socios de traballo cuxa relación sexa de natureza societaria.
  7. Desenvolver un proxecto de emprendemento innovador que conte cun modelo de negocio escalable.

Onde se regulan?

Quedan reguladas na Lei 28/2022, de 21 de decembro, de fomento do ecosistema das empresas emerxentes.

Cal é o obxectivo da lei?

A lei ten como obxecto establecer un marco normativo específico para apoiar a creación e o crecemento das empresas emerxentes en España, tendo en conta a distribución competencial sobre a materia entre Estado e as Comunidades Autónomas. Amais, establece un sistema de seguimento e avaliación dos seus resultados sobre o ecosistema español de empresas emerxentes.

Lei de Contratos do Sector Público

Que son?

Son contratos do sector público e, en consecuencia, están sometidos á presente Lei na forma e termos previstos na mesma, os contratos onerosos, sexa cal for a súa natureza xurídica, que celebren as entidades do sector público.

Enténdese que un contrato ten carácter oneroso nos casos en que o contratista obteña algún tipo de beneficio económico, xa sexa de forma directa ou indirecta.

Onde se regulan?

Atopan a súa regulación na  Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se traspoñen ó ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/EU, de 26 de febreiro de 2014.

Cal é o obxectivo da lei?

Os obxectivos que inspiran a regulación contida na mencionada lei son, en primeiro lugar, lograr unha maior transparencia na contratación pública e, en segundo lugar, conseguir unha mellor relación calidade-prezo. Tamén cubrir a necesidade de simplificación dos trámites e impoñer unha menor burocracia para os licitadores e mellor acceso para as PYMES.

Ten por obxecto regular a contratación do sector público, co fin de garantir que a mesma se axuste ós principios de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade e transparencia dos procedementos, e non discriminación e igualdade de trato entre os licitadores. Tamén pretende asegurar unha eficiente utilización dos fondos destinados á realización de obras, á adquisición de bens e á contratación de servizos.