É ECONOMÍA SOCIAL

O pasado mes de abril de 2023, e grazas ao impulso do Goberno de España, a Asemblea Xeral da ONU aprobou a súa primeira Resolución sobre a Economía Social: «Promover a economía social e solidaria para o desenvolvemento sustentable». Nela anímase a promover este modelo económico, como modelo integrador e con obxectivos sociais, baseado na solidariedade interna e coas persoas no centro.

A proposta de España de lanzar esta Resolución foi apoiada nas Nacións Unidas polos gobernos de Bélxica, Canadá, Chile, Colombia, Costa Rica, Eslovenia, Francia, Guinea Ecuatorial, Hungría, Italia, Luxemburgo, Marrocos, República Dominicana e Senegal.

A vicepresidenta segunda do Goberno de España e titular do Ministerio de Traballo e Economía Social salientou no seu discurso ante a ONU a relevancia deste novo modelo poñendo como exemplo a España, onde a economía social representa o 10% do PIB. Neste sentido, indicou que se trata dun tecido empresarial sólido capaz de adaptarse aos cambios así como de promover a participación das persoas traballadoras na toma de decisións empresariais.

Na devandita resolución, adoptada no seo da ONU, inclúese unha definición de economía social e social (de agora en adiante, ESS), entendendo como tal o conxunto de «empresas, organizacións e outras entidades que realizan actividades económicas, sociais e medioambientais de interese colectivo ou xeral, que se basean nos principios da cooperación voluntaria e da axuda mutua, a gobernanza democrática ou participativa, a autonomía e a independencia, e a primacía das persoas e o fin social sobre o capital na distribución e o uso dos excedentes ou os beneficios». Así mesmo, recoñece ás cooperativas como parta da ESS xunto coas asociacións, mutuas, fundacións, empresas sociais, e «outras entidades que operan segundo os seus valores e principios» da ESS.

En xaneiro de 2024 os Gobernos do Brasil, Chile, Colombia, España, Guatemala e México constituíron, na cidade de México, a Rede Iberoamericana de Fomento da Economía Social e Solidaria (RIFESS), á que posteriormente se uniron países como Costa Rica, Cuba, Paraguai, Portugal, Honduras ou República Dominicana.

A Rede busca xuntar o maior número posible de Estados Iberoamericanos comprometidos coa promoción da economía social para intercambiar, mediante seminarios e xuntanzas, experiencias e políticas públicas e avanzar conxuntamente no espazo iberoamericano nos obxectivos establecidos na Resolución da Asemblea Xeral da ONU de 2023 e a plena integración de todo o ecosistema produtivo no comercio rexional

En materia de economía social destacan as actuacións que durante estes anos levaron a cabo os gobernos de España e Francia para acadar unha mellor cooperación.

No ano 2019 asinouse un Acordo de Cooperación en materia de economía social e solidaria que tiña o obxectivo de ampliar e actualizar a declaración conxunta que ditos gobernos asinaron no ano 2013. Este acordo ten como fin incrementar a contribución da economía social no emprego da xuventude, a igualdade de xénero, a integración social, o desenvolvemento territorial e a innovación social.

Tendo en consideración a proximidade destes Estados en materia de cooperación, no ano 2023 España e Francia asinaron un Tratado de Amizade e Cooperación que reforza e fortalece a cooperación entre ambos os dous países en diferentes materias e, en particular, en materia social.

No artigo 29 do tratado aborda exclusivamente a economía social e sinala que ambos países se comprometen a intercambiar información e experiencia na materia, así como a crear un grupo de traballo, con periodicidade anual, entre os ministerios competentes que poderá estar aberto aos interlocutores sociais.

Por último, na Resolución de 17 de maio de 2023, da Secretaría de Estado de Emprego e Economía Social, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros de 11 de abril de 2023, polo que se aproba a Estratexia Española de Economía Social 2023-2027 recóllese, entre outras actuacións a desenvolver, a incorporación da economía social como un sinal de identidade da acción de España ante as institucións europeas e a necesidade de continuar desenvolvendo acordos bilaterais en materia de economía social con Portugal e Francia.

Os gobernos de Alemaña e España outorgan un papel prioritario á economía social que nas súas relacións bilaterais. Grazas a isto, xorde o Plan de Acción que desenvolve os acordos acadados no XXV Cume Hispano-alemán no ano 2022.

Ambos países comprometéronse a traballar conxuntamente para promover a economía social a través do fomento da innovación, o comercio, a industria e o emprendemento. Doutra banda, acordaron poñer en marcha o Plan de Acción Europeo de Economía Social.

Este plan ten o obxectivo de potenciar a economía social tanto para lograr unha transición verde e dixital como para transformar do modelo económico máis sustentable e vangardista.

España e Colombia representan unha relación bilateral estratéxica e sólida en diversos ámbitos e, especialmente, no da economía social. Por iso, no ano 2022, asinouse unha declaración conxunta entre ambos gobernos que ten como fundamento os principios da economía social.

Esta declaración destaca a importancia do diálogo e da participación cidadá, así como a necesidade de afrontar os desafíos que presenta o cambio climático e traballar para atopar un modelo económico máis sustentable que protexa a biodiversidade e os ecosistemas estratéxicos. Ao mesmo tempo, sinálase a importancia de traballar no fortalecemento da políticas públicas en materia de igualdade de xénero e de empoderamento das mulleres. Tamén se destaca a importancia de reforzar a cooperación entre ambos países para o desenvolvemento sustentable que permita acelerar e afianzar o crecemento económico e o desenvolvemento rural.

Xunto a esta declaración, atópase tamén o primeiro Memorando de , Entendemento para afianzar a materia sociolaboral asinado por ambos países. Este Memorando persegue promover un desenvolvemento económico sustentable, potenciar a estabilidade no emprego, a redución da temporalidade, fomentar a igualdade de xénero e impulsar a negociación colectiva e o diálogo social.

Por último, este acordo ten o obxectivo de priorizar os intereses das persoas traballadoras e mellorar o tecido económico de ambos os dous países, avanzando cara un mercado laboral máis xusto.

Co obxectivo de promocionar a economía social a nivel internacional, o pasado mes de xuño de 2023 asinouse unha Declaración de Intencións entre o Goberno de España e Senegal. Este documento recolle a vontade de ambos os dous países de cooperar no desenvolvemento deste modelo empresarial.

Trala sinatura desta declaración, a vicepresidenta segunda do Goberno de España e Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz e a Ministra de Microfinanzas e de Economía Social e Solidaria de Senegal, Victorine Anquediche Ndeye, participaron na presentación da «Folla de ruta pola igualdade efectiva entre mulleres e homes na economía social», impulsada polo Grupo de Traballo de Mulleres Líderes da Economía Social (Mulleres LíderES) e o Ministerio de Traballo e Economía Social, en colaboración co CEPES.

En marzo de 2024, a vicepresidenta do Goberno de España asinou un Memorando de Entendemento con Bulgaria en materia de Economía Social, co propósito de reforzar a cooperación e fomentar o crecemento deste modelo económico en ámbolos dous países.

A través deste acordo, España e Bulgaria comprométense a impulsar conxuntamente o desenvolvemento do Plan de Acción para a Economía Social da Unión Europea e a apoiar a implementación da Recomendación do Consello da UE sobre o establecemento de condicións marco para a Economía Social.

Este momento reflicte o firme compromiso de ámbolos dous países coa promoción de modelos empresariais máis inclusivos e sostibles, contribuíndo así ó desenvolvemento económico e social tanto a nivel bilateral como no ámbito europeo e internacional.

O Memorando de Entendemento sobre Cooperación entre o Ministerio de Traballo e Economía Social do Reino de España e o Ministerio de Traballo do Estado de Palestina é un acordo asinado o 21 de novembro de 2024, durante a primeira Reunión de Alto Nivel entre ambos países celebrada en Madrid. 

A sinatura deste Memorando, subscrito pola vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social de España, Yolanda Díaz, e a súa homóloga palestina, Enas Attari, ten como obxectivo afondar a colaboración técnica en ámbitos sociolaborais e de economía social.

Este acordo fomenta a cooperación entre ambos ministerios en áreas como a igualdade salarial, as estatísticas laborais, o autoemprego, as cooperativas, o diálogo social, a formación profesional e os servizos públicos de emprego.

No apartado 2 deste Memorando, abórdase especificamente o intercambio de información e boas prácticas verbo de estratexias e programas para o impulso da Economía Social, así como aspectos clave como financiamento, estatísticas e marcos legais. Deste modo, este acordo reafirma o compromiso de España e Palestina coa promoción de modelos empresariais máis inclusivos e sostibles, favorecendo o desenvolvemento económico e social en ambos países.

O 8 de setembro de 2021, no marco do Cumio Ibérico de Economía Social celebrada en Coímbra, os gobernos de España e Portugal asinaron un Memorando de Entendemento sobre Economía Social.

Este acordo ten como obxectivo fortalecer a colaboración entre ambos países no ámbito da economía social, establecendo varias liñas de actuación:

  • Definición do papel dos Consellos Nacionais de Economía Social: recoñécense como órganos de consulta e intercambio de experiencias sobre lexislación e plans relacionados coa economía social.
  • Intercambio de información estatística: promoverase a colaboración entre os Institutos Nacionais de Estatística de ambos países para a realización de estatísticas e a definición de metodoloxías na elaboración de informes.
  • Celebración bienal do Cumio Ibérico de Economía Social: acórdase a realización deste evento cada dous anos para avaliar e promover conxuntamente a economía social en ambos países.
  • Impulso da economía social en cumios iberoamericanos: comprométense a desenvolver propostas conxuntas para fortalecer a presenza da economía social no ámbito iberoamericano.

Este Memorando reflicte o compromiso de ambos países por promover modelos empresariais máis inclusivos e sostibles, contribuíndo ó desenvolvemento económico e social de España e Portugal.

Máis tarde, no marco do Cumio ibérico de Lanzarote do 15 de marzo de 2023, ambos países asinaron un Memorando de entendemento específico de formación no ámbito da economía social.

En novembro de 2022, os gobernos de México e España asinaron un Memorando de Entendemento en materia laboral, co fin de fortalecer a cooperación e promover unha axenda compartida neste ámbito.

Este acordo céntrase en políticas coincidentes como o incremento do salario mínimo, a mellora das condicións laborais e a protección social de grupos en situacións de vulnerabilidade. Así mesmo, busca fortalecer a liberdade sindical e fomentar a negociación colectiva auténtica, así como a capacitación laboral da mocidade.

No ámbito da Economía Social e Solidaria establécense os seguintes puntos:

  • Inclusión de grupos vulnerables: búscase integrar á mocidade así como ás mulleres na economía social e solidaria dentro das políticas de cooperación económica, social e empresarial.
  • Fortalecemento do sector: promoverase a coordinación e cooperación entre as entidades máis representativas da economía social en ambos países.
  • Intercambios de coñecementos: fomentarase o intercambio de información e apoio técnico para desenvolver políticas, programas e accións que impulsen ás entidades da economía social e as súas asociacións.

Este acordo reforza o compromiso de México e España cunha economía máis inclusiva, xusta e solidaria.

 

En abril de 2023, os Ministerios de Traballo de España e do Brasil asinaron un Memorando de Entendemento co obxectivo de reforzar a cooperación en materia sociolaboral e consolidar unha axenda común de dereitos laborais, xustiza social e diálogo entre traballadores e empregador.

Este acordo, asinado pola Vicepresidenta Segunda e Ministra de Traballo e Economía Social de España, Yolanda Díaz, e o Ministerio de Traballo e Emprego do Brasil, Luiz Marinho, busca situar as políticas laborais no centro do desenvolvemento económico e social de ambos países, garantindo unha maior equidade e mellores condicións para os traballadores.

O Memorando de Entendemento entre España e Brasil en materia sociolaboral reforza a democracia económica e a equidade na repartición de beneficios, promovendo mellores condicións laborais, salariais e de horas de traballo, cun enfoque especial nas pequenas e medianas empresas (PEMEs).

Alén disto, impulsa o sindicalismo e a participación dos traballadores, apoiando reformas sindicais para garantir a afiliación de todos, con especial atención á perspectiva de xénero e a inclusión da mocidade na vida sindical. Tamén se busca a integración de políticas laborais, sociais e de seguridade nun sistema único de protección social que garanta mellores condicións laborais. Respecto da dixitalización do emprego, o acordo prevé o desenvolvemento de normativas para regular a economía de plataformas e o traballo dixital, amais do teletraballo, asegurando os dereitos laborais nestes novos ámbitos.

Finalmente, establécense mecanismos de cooperación mediante a creación de grupos de traballo, estudos comparativos sobre o impacto das políticas laborais e o intercambio de experiencias e mellores prácticas na economía social.

Malia que o documento está dirixido á cooperación sociolaboral entre España e Brasil, os puntos mencionados impactan directamente na economía social, xa que buscan promover condicións laborais xustas, equidade na distribución de beneficios e protección de traballadores en sector emerxentes.

No marco da celebración do Congreso Internacional do Traballo, levado a cabo en Madrid no mes de novembro de 2024 produciuse a sinatura do Memorando de Entendemento sobre Cooperación no Ámbito da Economía Social, co obxectivo de fortalecer o diálogo, o intercambio de boas prácticas e o desenvolvemento de estratexias conxuntas para potenciar o sector da economía social en ámbolos dous países.

A sinatura do acordo estivo a cargo da Vicepresidenta Segunda e Ministra de Traballo e Economía Social de España, Yolanda Díaz Pérez, e a Ministra de Traballo e Solidariedade Social de Romanía, Simona Bucura-Oprescu. Con este memorando, ambas nacións reafirman o seu compromiso cun modelo económico máis inclusivo, sostible e solidario dentro da Unión Europea.

O Memorando establece un marco de cooperación para fortalecer a economía social a través do acceso ó financiamento, o recoñecemento na UE, a medición do impacto social e o apoio á formación no contexto da transición verde e dixital. Tamén impulsa o diálogo entre sectores e facilita o acceso a mercados e redes de colaboración.