A economía social abrangue o conxunto de actividades económicas e empresariais que, no ámbito privado, son levadas a cabo por entidades que perseguen quer o interese colectivo dos seus integrantes quer o interese xeral económico e/ou social, consonte cos principios da economía social. Así mesmo, configura un ecosistema con presencia en todos os sectores económicos e que conta con empresas de tamaño moi variado, dende grandes grupos empresariais até microempresas.
Forman parte da economía social as cooperativas, as mutualidades, as fundacións e as asociacións que leven a cabo unha determinada actividade económica, as sociedades laborais, as empresas de inserción, os centros especiais de emprego, as confrarías de pescadores, as sociedades agrarias de transformación e as entidades singulares creadas por normas específicas que se rexan polos principios establecidos no artigo 4 da Lei de Economía Social.
Estas entidades actúan sobre unha serie de principios orientadores. É dicir:
A economía social converteuse, grazas aos valores nos que se sustenta, nun dos 14 ecosistemas industriais para a resiliencia, a autonomía estratéxica e o desenvolvemento sustentable da Unión Europea. A economía social é estandarte fundamental da recuperación e o crecemento económico sustentable, xusto e inclusivo. Ao mesmo tempo, actúa como catalizadora dunha transición verde e dixital xusta.
Alén disto, a economía social, como sistema vangardista, ofrece solucións innovadoras a grandes desafíos actuais como a necesaria creación de empregos de calidade, a cohesión territorial, a loita contra o cambio climático, a transición demográfica, a igualdade entre mulleres e homes, o fomento da cultura do emprendemento, a transición dixital xusta ou a redución das desigualdades.
Do mesmo modo, as redes de proximidade que desprega a economía social permiten conformar sinerxías de desenvolvemento local e de arraigamento da poboación ao territorio mediante a xeración de emprego estable e de calidade, contribuíndo a abordar o reto demográfico e a loita contra o despoboamento en áreas rurais e suburbanas.
Para rematar, podemos resumir que a economía social se configura como unha forma alternativa de entender a economía, que busca poñer no centro ás persoas en lugar do capital. As empresas e entidades da economía social configúranse dunha forma democrática dotando de voz aos seus integrantes e buscando unha maneira máis sustentable de entender o traballo. Prioriza o benestar colectivo e, en moitas ocasións, actúa como un impulso para as persoas que se atopan en situación ou en risco de exclusión social.
Amais, a economía social enriquece as zonas despoboadas que buscan alternativas ás formas económicas e empresariais tradicionais. Contribúe ao seu desenvolvemento e crecemento económico, aumentando as oportunidades para colectivos que atopan maiores dificultades á hora de acceder ao mercado laboral, especialmente as mulleres e a xuventude.
Grazas á economía social desenvólvense proxectos a escala local, que repercuten positivamente na calidade de vida das persoas e contribúen a diminuír as desigualdades así como crear e favorecer un estilo de vida máis sustentable.